Ir o contido principal

Funcións

Funcións en materia de calidade alimentaria

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de calidade alimentaria:

  • Realizar actuacións de control e certificación dos produtos acollidos ás denominacións xeográficas de calidade e, en xeral, ás distintas figuras de protección da calidade alimentaria do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ás cales fai referencia o título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou calquera outra de interese xeral para a Comunidade Autónoma que se lle encargue.
  • Executar cantos controis se lle encarguen en relación coa calidade e a etiquetaxe dos produtos alimentarios, así como coas condicións das materias primas e a rastrexabilidade da produción alimentaria.
  • Promover e defender a calidade dos produtos amparados polas denominacións e indicativos de calidade.
  • Realizar estudos e preparación da documentación para o recoñecemento de novas denominacións xeográficas e doutras figuras de protección da calidade que se consideren de interese xeral para a Comunidade Autónoma.
  • Prestar todo tipo de servizos de asesoramento e xestión aos consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade e aos órganos de xestión doutras figuras de protección da calidade alimentaria.
  • Efectuar, logo da formalización do correspondente acordo, aqueles traballos relacionados coa certificación de produtos que lle sexan solicitados por un consello regulador ou outra entidade titular dunha figura de protección da calidade, como análises fisicoquímicas ou organolépticas, inspeccións e verificacións.
  • Actuar como auditor externo dos consellos reguladores e demais entidades xestoras de figuras de calidade dos produtos alimentarios aos cales se refire o artigo 3 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, para os efectos do control oficial da cadea alimentaria en relación cos programas vinculados á calidade diferencial que establece a normativa específica, e actuar como órgano de control das distintas entidades de certificación de produtos alimentarios que operen na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Desempeñar as funcións relacionadas coa xestión en materia da artesanía alimentaria, tales como control do uso do indicativo da artesanía, xestión do rexistro de artesanía alimentaria, comprobación do cumprimento dos requisitos para a obtención da condición de artesán e empresa artesanal, e elaboración das normas técnicas de cada produto derivado da artesanía alimentaria, no marco da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.
  • Realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de calidade alimentaria, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.
Funcións en materia de investigación

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro,
de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de investigación:

  1. Determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia, tendo en conta as súas necesidades, mediante procedementos eficaces de participación dos axentes socioeconómicos afectados nas distintas áreas de traballo.
  2. Impulsar as actividades de I+D+I nos sectores agrario e alimentario de Galicia.
  3. Asesorar a consellería con competencias en materia de medio rural nas funcións de coordinación da investigación en materia agraria.
  4. Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas, gandeiras e forestais, tanto respecto das actividades de produción e transformación como respecto do cumprimento das boas prácticas agrarias e outros requirimentos dos procesos produtivos primarios nas explotacións gandeiras, de mellora xenética e sanidade agrícola, gandeira e forestal, as relativas á conservación dos recursos xenéticos, á ecoloxía e silvicultura das especies forestais, á propagación, prevención e defensa contra os incendios forestais e ao impacto das actividades do sector agrario sobre o medio. Para o cumprimento desta finalidade poderá solicitar recursos materiais e humanos que poidan ser asignados por calquera das administracións públicas no marco de plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación.
  5. Propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados obtidos nas investigacións publicando e divulgando os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación, así como a dirección e elaboración das estatísticas en materia agraria en coordinación co Instituto Galego de Estatística.
  6. A través dos seus laboratorios realizará as seguintes funcións:
    • Atender a demanda de análises químicas de alimentos, bebidas, solos, fertilizantes, augas de rega e produtos de alimentación animal. 
    • Investigar a presenza de residuos de produtos fitosanitarios en alimentos, bebidas e en alimentación animal.
    • Diagnosticar enfermidades e a presenza de pragas nos cultivos herbáceos, leñosos e forestais.
    • Realizar análises no ámbito da sanidade vexetal.
    • Emitir certificados de exportación de bebidas e tamén realizar informes e recomendacións que teñan que ver coas análises realizadas.
  7. Fomentar a introdución de sistemas de rastrexabilidade e, en xeral, desenvolver todo tipo de actividades que fagan progresar a tecnoloxía, a calidade e a competitividade do sector agroindustrial galego.
  8. Establecer fórmulas específicas de recrutamento, formación e actualización do persoal investigador, nos ámbitos agrario e alimentario, así como as de intercambio e colaboración con outros centros de investigación rexionais, nacionais e internacionais.
  9. Participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos fins da Axencia.
  10. Promover ou participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas cales se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes socioeconómicos e a necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas.
  11. Poñer en valor as distintas actuacións tecnolóxicas e investidoras incluídas nos puntos anteriores ou as que deriven do acervo de coñecementos da Axencia, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e implicación dos distintos subsectores nas actuacións propias, sen menoscabo das funcións de divulgación e promoción que neste ámbito poida desenvolver a consellería de adscrición.
  12. Conservar o patrimonio xenético tradicional de Galicia das especies de produción agroforestal.
  13. Promover a mellora xenética do material vexetal de produción agroforestal.
  14. Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que se lle encomende en relación cos seus obxectivos, ou calquera outra que lle atribúa a lexislación vixente, así como realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de investigación, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.
Funcións en materia de formación

Correspóndelle á Axencia, en virtude do establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o desenvolvemento das seguintes funcións en materia de formación:

  • Desenvolver, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación, as distintas actuacións tecnolóxicas e investigadoras incluídas nos artigos anteriores.
  • Programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal.
  • Coordinar os centros de formación e experimentación agraria.
  • Coordinar e facer o seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito agrario.
  • Realizar os encargos que, no ámbito das súas competencias en materia de formación, lle efectúe a Administración xeral da Comunidade Autónoma.