O CIAM depende da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Ten a función de realizar investigacións aplicadas e básicas orientadas nas liñas de investigación preferentes dos programas de recursos e tecnoloxías agroalimentarias.
O CIAM realiza tamén unha difusión directa da Tecnoloxía desenvolvida a través dos Días de Campo (dos que se vén celebrando un cada ano, ou ben cada dous anos), reunións específicas con sectores e grupos específicos (ovino, vacún, matadoiros e carniceiros, transformadores lácteos, sementistas etc.), visitas dos agricultores e alumnos de centros de ensino técnico ás fincas e laboratorios do CIAM, xuntanzas co Servizo de Extensión Agraria, charlas dos investigadores do CIAM aos técnicos e agricultores das cooperativas ou outras institucións que así o demandan, e a publicación da Memoria anual do CIAM.
Ten asinados varios convenios de colaboración con empresas de alimentación e nutrición, cooperativas de leite e de carne, empresas de produción de semente, e tamén coa Universidade de Santiago co obxectivo de desenvolver tecnoloxías que poidan ser utilizadas e comercializadas directamente polas entidades colaboradoras. Algúns destes convenios están amparados financeiramente por proxectos CDTI.
As tecnoloxías desenvolvidas no CIAM nos últimos anos sobre transformación de montes en praderías, sistemas de engorde de tenreiros procedentes de rabaños de vacas de leite e carne, sistemas de produción de leite, utilización do ensilado e produción do gando ovino, tiveron un impacto importante no sector agrario a través dos agricultores que adoptaron estas técnicas.