Definicións
A artesanía alimentaria é unha actividade de elaboración, manipulación e transformación de alimentos caracterizada pola suxeición a determinadas condicións durante todo o proceso que garanten ás persoas consumidoras un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou o artesán.
Produtos artesáns son aqueles que, elaborados por empresas artesanais alimentarias, se obtivesen de acordo cos procesos de elaboración que para cada actividade se aproben na norma técnica correspondente. As ditas normas respectarán, en todo caso, as condicións técnicas que se recollen no artigo 6 do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria
Produtos artesáns caseiros ou produtos artesáns da casa: son aqueles produtos artesáns obtidos por empresas artesanais alimentarias que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria a que estea ligada a mesma persoa física ou xurídica que a da empresa artesanal. A este respecto, enténdese que as materias primas que constitúen a base fundamental dun alimento son os ingredientes principais ou caracterizantes deste, os cales deben proceder exclusivamente da explotación.
Produtos artesáns de montaña: son os produtos artesanais elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como «de montaña» de acordo co que establece o artigo 32 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, e que utilicen na súa elaboración materias primas procedentes desas zonas. Estes produtos deben cumprir ademais as especificacións que se establecen nos artigos 1 a 6 do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ás condicións de uso do termo de calidade facultativo «produto de montaña».
Normativa
- DECRETO 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentarias
- ORDE do 16 de febreiro de 2022 pola que se aproban diversas normas técnicas e os distintivos identificadores da artesanía alimentaria
- ORDE do 7 de setembro de 2022 pola que se aproba o Manual de uso dos distintivos da artesanía alimentaria.
- Manual de uso de marca "Artesanía alimentaria"
Directorio de operadores