Pasar al contenido principal

Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega)

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) asume como misión esencial fomentar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego a través da investigación aplicada, do asesoramento a viticultores e embotelladores e da realización de actividades formativas. Está tamén recoñecida como laboratorio de análise para produtos derivados da vide. Divídese en tres departamentos: viticultura, enoloxía e laboratorio de análise.

As funcións principais deste centro son:

  • Investigación
  • Servizos ao sector
  • Laboratorio de química enolóxica
  • Asesoramento
  • Transferencia tecnolóxica
  • Formación

Da actividade investigadora do centro derivan materiais e tecnoloxía que van sendo adoptados polo sector vitícola. Independentemente das publicacións en medios de comunicación técnicos e científicos e das numerosas colaboracións noutras publicacións de divulgación técnica, realízase unha difusión directa das tecnoloxías desenvolvidas a través de cursos, xornadas e visitas. Mantéñense tamén reunións periódicas frecuentes cos técnicos das Axencias de Extensión Agraria de todas as zonas produtoras de Galicia.

Os traballos do centro permitiron ata o momento a obtención de 38 clons seleccionados para as variedades Treixadura, Torrontés, Loureira, Godello, Dona Branca, Mencía e Brancellao, así como clons saneados das variedades Albariño e Caíño Bravo. Moito deste material é xa certificable ou está en avanzado proceso de certificación e xa está sendo usado en numerosas plantacións.

As técnicas de elaboración de augardentes deseñadas a partir da investigación do centro foron adoptadas dun xeito masivo polos elaboradores e serviron de base para a elaboración do regulamento da denominación de orixe "Augardentes e licores tradicionais de Galicia".

Tamén foi desenvolvida unha intensa actividade formativa con alumnos procedentes das universidades, que na actualidade traballan como profesionais do sector e contribúen á implantación e difusión das tecnoloxías aprendidas.