O Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF) creouse no ano 1943 coa denominación de Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais (CREIEF) e foi situado na Granxa da Serra e Touza, enclavada na parroquia de Lourizán. A finca foi cedida a tal efecto pola Deputación de Pontevedra no ano 1943 para instalar o laboratorio de investigación ligado ao Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias (IFIE). O Centro quedou integrado no Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIA) no ano 1973; no 1984 foi transferido á Xunta de Galicia.
Actualmente o (CIF) atópase dentro da estrutura da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Na sociedade actual do coñecemento, é impensable un futuro desenvolvido e sostible para o sector forestal de Galicia alleo á investigación científica. O CIF trata de axudar a ese futuro producindo unha investigación forestal útil ao conxunto da nosa comunidade que debe dar resposta aos problemas do sector forestal apoiada nunha forte transferencia e colaboración con el. Ademais, esa investigación debe posuír unha calidade científica contrastada, xurdida dunha estreita interacción con outros centros de coñecemento nese mesmo eido e noutros.
Sobre a base do anterior, os nosos obxectivos actuais son:
a. Mellorar a produtividade e multifuncionalidade dos espazos forestais.
b. Incrementar a calidade dos bens, servizos e produtos forestais.
c. Promover a sustentabilidade dos ecosistemas forestais e da xestión dos recursos forestais.
d. Mellorar os bens intanxibles subministrados polos espazos forestais (biodiversidade, fixación do Carbono, dispoñibilidade de auga de calidade, conservación do recurso solo, paisaxe,…)
e. Asegurar a perdurabilidade, adaptabilidade e resistencia dos ecosistemas forestais fronte a factores de perturbación (cambio climático, incendios, doenzas e pragas).
f. Transferir coñecemento, información e materiais de utilidade ao conxunto do sector forestal.
O CIF estrutúrase nos seguintes departamentos:
- Dpto. de Silvicultura e Mellora: estuda técnicas de mellora xenética para a selección de materiais de reprodución e estudos de variabilidade xeográfica orientados á elaboración de recomendacións de uso dos materiais de reprodución, así como recomendacións para a conservación da diversidade xenética.
- Dpto. de Protección Forestal: desenvolve técnicas para a protección contra os incendios e para a mitigación do impacto ambiental do lume e do cambio climático, así como o efecto das pragas e enfermidades.
- Dpto. de Ecosistemas: xera continuo coñecemento sobre os distintos compoñentes dos ecosistemas naturais (clima, solo, vexetación e fauna), a súa variabilidade e a resposta aos cambios nas condicións ambientais e alteracións antrópicas.
Os avances desenvolvidos polo CIF teñen un impacto importante no sector forestal de Galicia e contan cunha difusión directa a través de publicacións en medios científicos e técnicos, cursos, xornadas e visitas. Existen, ademais, varios convenios de colaboración firmados entre este centro e empresas do sector privado e universidades, e moitos dos alumnos destas últimas realizan as súas prácticas nas nosas instalacións.