Pasar al contenido principal

Centros dependientes

Para o correcto desenvolvemento das súas actividades a Axencia conta con laboratorios e  centros de investigación e formación espallados pola xeografía galega.

Centros de investigación

Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)

Correspóndelle a este centro o exercicio das funcións de investigación, innovación e transferencia, especialmente en todas as materias agrarias, incluídas a agricultura, a gandaría e os aproveitamentos do medio natural, desde os puntos de vista da produción, da conservación e mellora xenética, da sanidade e o benestar, e da industria agroalimentaria, de xeito compatible co medio e a biodiversidade agraria e no contexto dunha economía baixa en carbono.

Asume a coordinación e dirección das seguintes estacións:

Estación Experimental de Gandaría de Montaña de Marco da Curra
Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón
Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño

Centro de Investigacións Forestais de Lourizán

Correspóndelle a este centro a mellora da produtividade e multifuncionalidade dos espazos forestais, o incremento da calidade dos bens, servizos e produtos forestais; a promoción da sustentabilidade dos ecosistemas forestais fronte ás perturbacións na xestión dos recursos forestais, e a conservación, mellora e selección dos recursos xenéticos forestais

Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense) - EVEGA

Correspóndelle a este centro a investigación, innovación, formación e transferencia desde os puntos de vista da produción, conservación e mellora xenética, e dos relativos á sanidade e á elaboración de viños e os seus derivados.

Asume a coordinación e dirección da seguinte estación:

Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra)

Laboratorios

Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Mabegondo-A Coruña) - LAFIGA

Correspóndelle a este laboratorio a realización de análises alimentarias e agrarias. Nestes aspectos é o laboratorio de referencia da Comunidade Autónoma. Concretamente, as súas principais funcións refírense á realización de análises fisicoquímicas de alimentos, bebidas, fertilizantes, augas de rega, alimentación animal e solos. Tamén lle corresponde a función de ser o laboratorio de referencia en sanidade vexetal e nas análises de residuos de pesticidas.

Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense) - EVEGA

Correspóndelle a este laboratorio a realización de análises oficiais do sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

Centros de formación 

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña)

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (A Coruña)

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo)

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal "Pedro Murias" (Ribadeo-Lugo)

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra)

Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte (Lugo)

Nos centros de Guísamo, Sergude, Becerreá, Ribadeo e Lourizán organízanse cursos de formación profesional de grao medio e superior en materia agroforestal. No centro de Monforte de Lemos prográmanse cursos de formación continua.