Benestar animal na investigación e na docencia

Un factor esencial na protección do benestar dos animais utilizados para a experimentación e outros fins científicos e de docencia é a adecuada capacitación do persoal encargado do seu manexo que realice calquera das seguintes funcións:

  • Función “a”: Coidado dos animais.
  • Función “b”: Eutanasia dos animais.
  • Función “c”: Realización dos procedementos.
  • Función “d”: Deseño dos proxectos e procedementos.
  • Función “e”: Asumir a responsabilidade da supervisión in situ do benestar e coidados dosanimais.
  • Función “f”: Asumir a responsabilidade de veterinario designado

Os requisitos de capacitación consisten (coas peculiaridades propias de cada función) nas titulacións académicas e acreditacións profesionais pertinentes; os cursos de formación específica, de carácter modular, cuxo contido se basea en directrices recentemente aprobadas pola Unión Europea, e, nalgunhas funcións, a realización do traballo baixo supervisión, como último elo para poder desempeñalas de maneira autónoma.

Será necesario o mantemento da capacitación do persoal en materia de experimentación animal cada 8 anos mediante actividades de formación continua. Estas terán como obxectivo asegurar a mellora e posta ao día das habilidades e coñecementos inicialmente adquiridos. As actividades de formación continua deberán estar relacionadas cos resultados de aprendizaxe dos módulos formativos correspondentes á función para a que a persoa interesada solicita o mantemento.

Normativa

  • Real Decreto 53/2013, do 1 de febreiro, polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia (BOE núm. 34, do 8 de febreiro de 2013).
  • Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo, pola que se establecen os requisitos de capacitación que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados, criados ou fornecidos con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia. (BOE núm. 78, do 1 de abril de 2015). 

Programa formativo 

Capacitación inicial. A relación de módulos fundamentais (comúns a todas as funcións e especies) e de módulos específicos de cada función, que se dirixirán a unha especie ou grupo de especies recóllense no Anexo I da Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo.

Mantemento da capacitación. A duración mínima do conxunto das actividades de formación continua que se deben de realizar no período de 8 anos é a que establece o Anexo III da Orde ECC/566/2015, do 20 de marzo.

A relación de actividades de formación continua admitidas na Comunidade Autónoma de Galicia para manter a capacitación do persoal que manexe animais utilizados, criados ou fornecidos con fins de experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia poden consultarse no seguinte documento INSTRUCIÓN AG/DF Nº 1/2022

Cursos de capacitación inicial