A Xunta participará no proxecto europeo AgrifoodTEF para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario

A Xunta participará no proxecto europeo AgrifoodTEF para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario

La Xunta participará en el proyecto europeo AgrifoodTEF para incorporar inteligencia artificial y tecnología robótica al sector agroalimentario

Santiago de Compostela,

  • A iniciativa mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos, cun orzamento repartido entre nove Estados membros da Unión Europea
  • A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, forma parte a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo
  • A Xunta contará con 880.100 euros para desenvolver un traballo orientado, neste caso, ao ámbito da produción láctea, con especial atención á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participará no proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), que ten como fin a incorporación da intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas ao sector agroalimentario e forestal.

A Axencia forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) cun total de 30 entidades participantes.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo -que pertence á Axencia- integrarase no núcleo da parte galega dun proxecto orientado ao ámbito da produción láctea, con especial atención á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, a Axencia contará con 888.100 euros para desenvolver a iniciativa. O 50% desta cantidade procede da Unión Europea; mentres que a metade restante está cofinanciada polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.

Esta iniciativa, na que tamén participa a empresa de tecnoloxía Gradiant e colabora o centro galego de innovación dixital DIH Datalife, busca acelerar a transformación dixital e favorecer a competitividade de pequenas e medianas empresas que conforman o sector agroalimentario.

O proxecto AgrifoodTEF

A iniciativa comezou no ano 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -a parte de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña.
 

Imprimir