A Consellería do Medio Rural lembra que segue aberto o prazo de matriculación no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo
Santiago de Compostela,
- Este centro lucense oferta os ciclos medios de Formación Profesional Dual Intensiva de Produción Agroecológica e de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e os estudantes interesados aínda poden presentar a súa solicitude
- O alumnado destes cursos conta cun amplo abanico de saídas profesionais, como son, entre outras, as vinculadas cos ámbitos da agricultura e a avicultura, a cría de gando, a repoboación ou os tratamentos silvícolas, entre outros
- Ao tratarse de ciclos en modalidade de Formación Profesional Dual, o alumnado formarase de forma teórica e práctica tanto no centro educativo como na empresa, favorecendo a súa inserción laboral
- Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán solicitar máis información na web do centro ou no número de teléfono: 982 828 552
O prazo para matricularse nos graos medios do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal "Pedro Murias", situado na localidade lucense de Ribadeo e dependente da Consellería do Medio Rural, segue aberto. Este centro lugués oferta o ciclo medio de Formación Profesional Dual Intensiva de Produción Agroecológica focalizado en fundamentos agronómicos e zootécnicos, a plantación de cultivos ecolóxicos e en principios de sanidade vexetal. Os estudantes que cursen este grao recibirán nocións sobre infraestruturas e instalacións agrícolas; así como en produción gandeira e vexetal de maneira ecolóxica. Así, o alumnado deste ciclo poderá traballar nos ámbitos da agricultura, avicultura, cría de gando ou produción ecolóxica.
O Pedro Murias conta tamén co grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se centra en cuestións silvícolas, como as instalacións forestais ou a sanidade vexetal. Ademais, impártense materias relacionadas coa conservación de especies cinexéticas e piscícolas, así como as nocións necesarias sobre control fitosanitario. Os seus estudantes gozan dun amplo abanico de saídas profesionais, como son, entre outras, o de especialista en traballos de repoboación e tratamentos silvícolas, motoserrista, traballador especializado en inventario, seguimento e adecuación dos hábitats forestais ou auxiliar de traballos de control de depredadoras e especies invasoras.
Formación práctica remunerada
Cabe sinalar que nestes ciclos, ao formar parte da modalidade Formación Profesional Dual intensiva, os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que ao finalizar o ciclo o estudante contará con experiencia previa.
Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán solicitar máis información na web do centro ou no número de teléfono: 982 828 552.