Ir o contido principal

ACTO DE GRADUACIÓN DO ALUMNADO DOS CENTROS DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA

Sergude (Boqueixón),

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou o pasado día 20 de xuño no acto de graduación do alumnado dos ciclos formativos dos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). 
Máis de 500 alumnos/as recibiron neste curso formación nos CFEA de Becerreá, Pedro Murias, Guísamo, Lourizán e Sergude. 

Durante o acto expuxéronse proxectos fin de ciclo presentados por dúas alumnas e un alumno que se graduaron durante o acto, o que permitiu comprobar a boa calidade dos traballos, reflexo da boa aprendizaxe recibida. Ademais, tres emprendedores que cursaron  ciclos de formación profesional nos centros da Agacal compartiron as súas experiencias na posta en marcha das súas iniciativas empresariais coas persoas asistentes.

Finalmente, a conselleira do Medio Rural, o xefe de Formación, Innovación e Investigación Agraria, xunto cos directores dos CFEA, procederon á entrega das becas e sombreiros aos alumnos e alumnas que se graduaban, nun acto cargado de emotividade tanto para os e as protagonistas, as súas familias, os docentes e o resto do equipo da Agacal que fixo posible a celebración deste acto. 

A xornada rematou cunha degustación de produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, produción ecolóxica e artesanía alimentaria da nosa terra, da man  de Experiencias de Calidade. Non faltou a foto de familia co lanzamento de gorros incluído, unha tradición que non pode faltar en todo acto de graduación que se precie.

OFERTA FORMATIVA NOS CENTROS DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DA AGACAL

ABERTO O  PRAZO DE ADMISIÓN PARA O CURSO 2024/2025

 https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/PaxinaInicio.do

Os Centros de Formación e Experimentación Agraria,  adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, levan máis de 50 anos formando profesionais no sector agrario galego.  Ofrecen unha formación de calidade, eminentemente práctica e participativa, con numerosos proxectos colaborativos con empresas, universidades e administracións públicas que permiten impartir unha formación integral do alumnado, o que se traduce en altas cifras de inserción laboral e elevados índices de autoemprego.

Para o próximo curso académico, haberá un aumento do 11 % no número de novas prazas (chegando  ás 364). Implantaranse novos ciclos na modalidade dual intensiva, concretamente o de grao medio en Produción Agroecolóxica no Pedro Murias e outro de grao superior en Paisaxismo e Medio Rural en Guísamo.

CFEA Pedro Murias (Ribadeo):  44 prazas na modalidade dual intensiva, con 22 para o grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e 22 de nova creación para a Produción Agroecolóxica.

CFEA de Guísamo:  144 prazas, ao incorporarse como novidade o ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural na modalidade dual intensiva, que se suma ao ciclo medio xa iniciado no curso anterior de Xardinaría e Floraría, incrementando as prazas ofertadas ata as 22. Mantense o ciclo no réxime modular de persoas adultas na modalidade a distancia con 50 prazas, ademais doutras 50 prazas no grao medio de Xardinaría e Floraría (réxime modular de adultos na modalidade a distancia).

CFEA Lourizán: 44 prazas,  22 no grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e outras 22 no grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, ambas as dúas en oferta ordinaria presencial.

CFEA Becerreá:  44 prazas,  22 corresponden ao grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e 22 ao grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural,  ambas as dúas tamén en oferta ordinaria presencial.

CFEA de Sergude: 88 prazas,   22  no grao superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal (o grao máis demandado e exclusivo deste centro),ao que se lle engaden outras 22  adicionais, pero de formación dual intensiva. Outras 22 prazas  para o grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, ambas as dúas en oferta ordinaria presencial. Tamén  se ofertan  22 prazas máis para o grao medio de Produción Agropecuaria (oferta ordinaria presencial).

 

Imprimir