Ir o contido principal

A XUNTA PON EN VALOR O MEDIO CENTO DE EMPRESAS ADHERIDAS AO SELO ARTESANÍA ALIMENTARIA NO MERCA DELICADEZA QUE SE CLAUSURA HOXE EN LALÍN

A XUNTA PON EN VALOR O MEDIO CENTO DE EMPRESAS ADHERIDAS AO SELO ARTESANÍA ALIMENTARIA NO MERCA DELICADEZA QUE SE CLAUSURA HOXE EN LALÍN

Lalín,

  • José González valorou a oferta deste mercado no que estiveron presentes unha trintena de artesáns, mostrando os seus aceites, lácteos, conservas, embutidos, patés, tés, especias, marmeladas, repostería, xeados, sidra, cervexas ou mel
  • Anunciou que a iniciativa, que neste caso se fai coincidir co primeiro aniversario da publicación das normas técnicas do selo, se repetirá nas outras tres provincias galegas

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na clausura de Merca DelicaDeza, o mercado organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en colaboración co Concello de Lalín para poñer en valor o distintivo Artesanía Alimentaria. Alí, fixo entrega das cartas de artesán a novos operadores do selo, destacando que se alcanza xa a cifra de medio cento de adheridos. 

Na súa intervención, o conselleiro anunciou que a iniciativa, que neste caso se fai coincidir co primeiro aniversario da publicación das normas técnicas do selo, se repetirá nas outras tres provincias galegas. Neste caso, quixo enxalzar a participación dunha trintena de artesáns cos seus respectivos postos, con produtos como aceites, lácteos, conservas, embutidos, patés, tés, especias, marmeladas, repostería, xeados, sidra, cervexas ou mel.

Precisamente para apoiar producións deste tipo en particular, e das provistas con selo de calidade en xeral, o titular de Medio Rural lembrou que, neste 2023, destínanse preto de 5,5 millóns de euros á promoción de produtos agroalimentarios. Referiuse a outras medidas da Xunta como os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, que permiten impulsar sinerxías entre a xestión do territorio e as producións de calidade como as distinguidas co selo Artesanía Alimentaria, avanzando ademais na anticipación aos incendios forestais. 

Tamén fixo alusión á potencialidade das estratexias sectoriais –dos sectores lácteo, vitivinícola e cárnico–, coidando posicionar a nosa comunidade como rexión de referencia destas producións, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. Estratexias que están á par coa futura Lei da calidade alimentaria, cuxo principal obxectivo será conseguir que os produtos alimentarios galegos –tamén artesanais– acaden unha nova dimensión no mercado.  

Cómpre engadir que Merca Delicadeza remata hoxe tras tres días de actividades. Máis aló dos 30 postos de venda ao público, nos que só se expuxeron e venderon produtos certificados co distintivo de Artesanía Alimentaria, programáronse faladoiros divulgativos, demostracións de cociña, obradoiros, concertos e sorteos tanto para adultos como para os máis pequenos e que se prolongarán deica esta tarde. 

Imprimir