- Eventos
- A XUNTA PORÁ EN VALOR EN MADRID A CALIDADE DO PRODUTO DIFERENCIADO CO SELO TERNERA GALLEGA SUPREMA
A XUNTA PORÁ EN VALOR EN MADRID A CALIDADE DO PRODUTO DIFERENCIADO CO SELO TERNERA GALLEGA SUPREMA
Casa de Galicia, Madrid,
- O conselleiro do Medio Rural, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, participará nun evento o próximo luns na Casa de Galicia onde se poderán degustar as propostas de tres recoñecidos chefs
- A iniciativa busca identificar a categoría Ternera Gallega Suprema como unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que destaca ademais como produto gastronómico versátil
- Cabe lembrar nesta liña a campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración con Ternera Gallega, para aumentar a sensibilización e o consumo de Ternera Gallega Suprema, cun orzamento total de 1,4 millóns de euros
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, participará este próximo luns nun evento na Casa de Galicia en Madrid que ten como obxecto poñer en valor o produto diferenciado co selo Ternera Gallega Suprema. O acto vén suceder á campaña de promoción a nivel nacional impulsada pola Xunta en colaboración co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia para aumentar a sensibilización e o consumo destas producións cárnicas.
En concreto, o vindeiro luns non só haberá cabida para lembrar esta campaña senón especialmente para degustar as propostas de tres recoñecidos chefs. Así, os cociñeiros José Manuel Mallón, Miguel Fernández e Javier Rodríguez “Taky” elaborarán diferentes pratos con cortes de Ternera Gallega Suprema como protagonistas. A finalidade é mostrar a súa calidade, pero tamén a versatilidade da carne con diferentes tipos de preparación e con maridaxes doutros produtos galegos con selo de calidade, como pode ser o queixo con denominación de orixe protexida San Simón da Costa, ou as producións con IXP de Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia, Castaña de Galicia ou Pan de Cea.
Cabe lembrar que o produto distinguido co selo Ternera Gallega Suprema é o que procede de explotacións tradicionais con base territorial, con vacas nais e no que se garanten cando menos 7 meses de lactancia, dentro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, que é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España –case un 60%–. Así, destaca por ser unha marca de calidade diferenciada resultado da tradición e do respecto ao medio ambiente, que aposta polo benestar animal, pola biodiversidade e pola xestión do territorio.
Coa acción do próximo luns en Madrid dáse continuidade así á campaña lanzada a nivel nacional o pasado outono que tiña como principal obxectivo aumentar a sensibilización do público en xeral en relación con esta IXP e co consumo de vacún de calidade diferenciada. Unha campaña que contou cun orzamento global de 1,4 millóns de euros.