Ir o contido principal

A XUNTA REMATA A CONSTRUCIÓN DO NOVO BANCO DE XERMOPLASMA DO CENTRO DE INVESTIGACIÓNS AGRARIAS DE MABEGONDO

Conselleiro do Medio Rural

Santiago de Compostela,

A Xunta finaliza a construción do novo Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo A actuación optimiza e mellora o actual banco de recursos fitoxenéticos do CIAM, e busca consolidar a posición de referencia destas instalacións para o sector primario agrario galego en horta e froita de material xenético autóctono. As obras estiveron centradas na ampliación e mellora das súas infraestruturas e na renovación dos equipamentos e sistemas de conservación de material vexetal. O Banco de Xermoplasma conserva preto de 700 variedades autóctonas e liñas puras de millo, ademais dunha colección de pratenses con case 2.500 entradas dun centenar de especies, cereais de inverno ou 275 variedades locais de 14 especies hortícola.

Abegondo (A Coruña), 29 de xaneiro 2024.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, realizou esta mañá unha visita técnica ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), onde acaban de finalizarse as obras de construción do novo Banco de Xermoplasma. Esta actuación optimiza e mellora o actual banco de recursos fitoxenéticos do CIAM, e busca consolidar a posición de referencia deste centro para o sector primario galego en horta e froita de material xenético autóctono. As obras estiveron centradas na ampliación e mellora das infraestruturas e na renovación dos equipamentos e sistemas de conservación de material vexetal. Esta actuación permitirá levar a cabo programas de conservación, investigación e mellora xenética para a obtención de variedades de cultivo con colleitas máis valiosas, polas cantidades producidas e polas calidades organolépticas e nutricionais sobresalientes, ou pola súa resistencia a pragas e enfermidades e a o estrés hídrico ou nutricional. Segundo indicou o conselleiro, trátase dunha reforma “á altura do noso potencial”, xa que a conservación destas sementes e a súa investigación permitiralle a Galicia seguir profundizando no desenvolvemento da calidade, singularidade e diferenciación que caracteriza a produción agroalimentaria da nosa comunidade e as nosas variedades autóctonas. O Banco de Xermoplasma do CIAM conserva actualmente preto de 700 variedades autóctonas e liñas puras de millo, numerosas accesiones de froiteiras, unha colección de pratenses con máis de 2.500 entradas dunhas 100 especies diferentes, outra de cereais de inverno ou ata 275 variedades locais de 14 especies hortícolas diferentes.

Escoitar

https://mediorural.xunta.gal/es/recursos/noticias/noticia?time=01302024015324&id=nova_estandar87238.html

Imprimir