-
- Novas de Actualidade
- SEGUE ABERTO O PRAZO DE MATRICULACIÓN NOS CICLOS OFERTADOS NOS CFEA PEDRO MURIAS DE RIBADEO E NO DE BECERREÁ
SEGUE ABERTO O PRAZO DE MATRICULACIÓN NOS CICLOS OFERTADOS NOS CFEA PEDRO MURIAS DE RIBADEO E NO DE BECERREÁ
Santiago de Compostela,
O prazo para matricularse nos graos medios dos Centros de Formación e Experimentación Agraria da Consellería do Medio Rural segue aberto ata o 26 de setembro ás 13.00 horas e, os estudantes interesados, aínda poden solicitar matrícula no CFEA “Pedro Murias”, situado en Ribadeo, e no de Becerreá.
No Pedro Murias, os estudantes interesados aínda poden presentar a súa solicitude de matriculación no ciclo medio de Formación Profesional Dual Intensiva de Produción Agroecolóxica, focalizado en fundamentos agronómicos e zootécnicos, a plantación de cultivos ecolóxicos e en principios de sanidade vexetal. Os estudantes que cursen este grao recibirán nocións sobre infraestruturas e instalacións agrícolas; así como en produción gandeira e vexetal en ecolóxico. Así, o alumnado deste ciclo poderá traballar como agricultor, criador de gando, na avicultura, en ecolóxico ou operador de maquinaria agrícola, entre outras saídas profesionais.
Ademais, tamén teñen dispoñible o grao medio de Formación Profesional Dual Intensiva de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se centra en cuestións silvícolas, como as instalacións forestais ou a sanidade vexetal. Ademais, impártense materias relacionadas coa conservación de especies cinexéticas e piscícolas, así como as nocións necesarias sobre control fitosanitario. Os seus estudantes gozan dun amplo abano de saídas profesionais, como son, entre outras, o de especialista en traballos de repoboación e tratamentos silvícolas, motoserrista, traballador especializado en inventario, seguimento e adecuación dos hábitats forestais ou auxiliar de traballos de control de depredadoras e especies invasoras.
En Becerreá, o alumnado que desexe matricularse dispón de prazas libres no ciclo ordinario do grao medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural no que se realizan operacións de repoboación forestal, de restauración ou ordenación hidrolóxico-forestal e de aproveitamento forestal, así como o control e a vixilancia do medio natural, manexando e mantendo a maquinaria e as instalacións forestais, consonte a normativa ambiental e de prevención de riscos laborais. Cómpre salientar que no ciclo superior en Xestión Forestal e do Medio Natural cubríronse todas as prazas ofertadas.
Formación práctica remunerada
Cabe sinalar que nos ciclos da modalidade da Formación Profesional Dual intensiva, os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que ao rematar o ciclo o estudante contará con experiencia previa.
Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán solicitar máis información nas webs dos centros ou nos números de teléfono: 982 828 552 (Pedro Murias) e 982 828 367 (Becerreá).